Venres. 26.04.2024

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, e o tenente de alcalde, César Ramos Domínguez, mantiveron unha xuntanza cos representantes do colectivo veciñal Fonte Seca e da Asociación de veciños O Outeiro de San Mamede de Monte ao obxecto de reafirmar as posturas de rexeitamento contra o proxecto de parque eólico de Troitomil.

A xuntanza prodúcese tras o anuncio da Consellería de Economía, Industria e Innovación, publicado o 16 de xuño no Diario Oficial de Galicia, polo que se somete a información a declaración de utilidade pública, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, do proxecto do parque eólico de Troitomil.

Membros do goberno da Baña e representantes das dúas asociación acordaron coordinar as medidas de rexeitamento ao proxecto e convocar unha rolda de prensa conxunta para explicar os motivos desta postura.

Por outra banda, celebrarase tamén un pleno extraordinario, cun único punto na orde do día, no que se deixará constancia da oposición total tanto á declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos terreos do proxecto do parque eólico de Troitomil como ao propio proxecto en si dos muíños de vento.

Ademais, o Concello da Baña remitirá unha carta informativa toda a veciñanza na que se explicará e se argumentarán os motivos polo que se rexeita pública e taxativamente a implantación e a tramitación dos parques eólicos no municipio.