Venres. 26.04.2024

O Pleno do Concello do Pino aprobou, cos votos a favor de PP e BNG e coa abstención do PSdeG, incluír no Plan único de concellos POS+ 2021 a obra para mellorar a pista de Boavista á Carballeira de Suso (en Ferreiros), que permitirá evitar que a saída da autovía Santiago-Lugo teña que pasar polo medio da aldea da Salceda, unha petición moi demandada pola veciñanza. A esta obra vanse destinar 132.139 euros, dos que a Deputación aportará 125.698 € e o Concello os 6.441 € restantes. Os outros 273.015 euros do POS+2021 destinaranse a gastos correntes.

A Corporación aprobou tamén as obras que figuran no Plan complementario 2021, que ascenden a un total de 286.146 euros. Con este investimento vanse mellorar a estrada local de Pumar ata o aparcadoiro da igrexa de Gonzar (32.634 €) reparar o pavimento da pista municipal dende a saída 77 da autovía Santiago-Lugo ata Cerceda (106.271 €); a rúa de Codesal e prolongación ata o límite do concello (71.557 €) e mellorar tamén a estrada local de Ponte sobre o río Mera (75.683 euros).

Outro dos puntos debatidos na sesión foi a distribución dos 165.464 euros do POS+ Adicional para financiamento de gastos sociais extraordinarios. A proposta da alcaldía, que foi aprobada por unanimidade co voto a favor de todos os grupos, contempla destinar 35.000 euros a reforzo de persoal técnico, 20.000 para gastos de emerxencia social; 15.000 euros serán para axudar ás familias cos gastos que faciliten a escolarización e material informático dos seus fillos e fillas.

A partida máis importante desta POS+ de servizos sociais, dotada con 60.000 euros, vaise destinar a ampliar o servizo de axuda a domicilio que se preste no fogar das persoas usuarias (como rehabilitación, perruquería, podoloxía, comedor sobre rodas, etc). A proposta aprobada contempla tamén 20.000 euros para respiro familiar e 10.000 para compra de material de protección. Hai tamén outra partida de 5.000 euros para actuacións que os técnicos de servizos sociais consideren urxentes para axudar a persoas vulnerables.

ORZAMENTOS DE 2021 EN VIGOR

No pleno tamén se debateron as alegacións aos orzamentos municipais para este ano, que foron presentadas polos tres concelleiros socialistas (a título individual) e por outro veciño do municipio.

As alegacións foron rexeitadas cos votos do Partido Popular e a abstención do BNG, seguindo as recomendacións que figuraban no informe técnico emitido pola secretaria-interventora do concello.

Unha vez rexeitadas as alegacións, os orzamentos quedaron aprobados definitivamente ao rematar xa o prazo de exposición pública. Entrarán en vigor tras saíren publicados no Boletín Oficial da Provincia. Para o ano 2021, o Concello do Pino contará cun presuposto de 4.089.639 euros.