Venres. 26.04.2024

O Partido Popular de Teo solicitou onte, no último pleno municipal do mes de xullo, que o Goberno local non agarde máis para executar obras de varias vías que se encontran nun estado de total abandono, en Insua (Luou), Socastro (Calo) e Xermeade (Reis).

Concelleiros populares visitaron as pistas afectadas, comprobando en primeira persoa as graves deficiencias que presentan –mesmo con algúns treitos intransitables- e trasladando así as insistentes demandas dos veciños, ate o de agora desatendidas polo Concello.

No caso de Insua (Luou), a pasividade municipal aínda é máis grave, posto que o Goberno bipartito aceptara incluír a reparación do firme da pista no Plan de Obras e Servizos (POS) de 2021 no pleno de xaneiro, despois de reiteradas peticións e das reiteradas solicitudes urxentes do Partido Popular, a última delas en novembro do pasado ano 2020.

Así mesmo, os edís do PP percorreron a senda que une a aldea de Insua con Espasande, que en varios puntos mostra un absoluto abandono, como por exemplo a zona dos lavadoiros ou o muíño de Insua, que aparece completamente cuberto pola maleza.

En Socastro (Calo), os concelleiros atenderon á chamada dos veciños, que están preocupados pola lamentable situación da pista que cruza a aldea, inzada de fochancas e buratos, herbas e mesmo un desprendemento que se produciu hai meses e que o Concello limitouse a sinalizar, sen proceder en todo ese tempo a reparalo.

Os populares pediron igualmente no último pleno municipal antes do descanso estival, que o Goberno local solucione canto antes os problemas que tamén presenta a pista que cruza a aldea de Xermeade, na parroquia de Reis, semellantes aos da pista de Socastro.