Venres. 19.04.2024

A concelleira de Deportes do concello de Mugardos, Begoña Roldós, informou dos acordos adoptados na Comisión de Seguimento do Complexo Acuático do Castro celebrada onte no salón de plenos do Concello, e na que se decidiu a renovación urxente do equipamento do ximnasio e a substitución do sistema enerxético do centro.

A maquinaria do ximnasio renovarase completamente mediante alugueiro para acelerar a tramitación, e de xeito paralelo iniciarase a licitación dun concurso para a adquisición definitiva do novo equipamento da sala. “Estamos ao tanto das queixas dos usuarios polo estado das máquinas, e é evidente que moitas delas están xa obsoletas e remataron a súa vida útil. A solución adoptada do alugueiro é sen dúbida a que permite unha actuación máis rápida e a mellora do servizo” sinalou Roldós.

En canto ao cambio do sistema enerxético do centro, tanto a delegación mugardesa como a aresana acordaron que o actual sistema (caldeira de gasoil) operativamente está a supoñer un lastre para o funcionamento do centro, así como unha merma económica polo aumento dos custes. Así mesmo, sinalouse que os problemas de condensación no vaso están tamén relacionados co sistema enerxético, a maiores dunha eiva estrutural que se arrastra desde a construcción do centro deportivo. A unanimidade foi total na necesidade de atopar unha solución viable desde o punto de vista técnico a ámbolos dous problemas.

A explotación das instalacións, que neste momento realiza a empresa Serviocio, tamén foi obxecto de negociación, acordándose iniciar o expediente de licitación coa redacción dun novo prego de contratación. No relativo á xestión do centro, esta seguirá a realizarse por parte do concello mugardés. Á reunión asistiron o alcalde de Mugardos, as concelleiras de Deportes e os técnicos deportivos de ámbolos dous concellos, o secretario municipal aresano, e o concelleiro de Facenda e a interventora mugardeses. As instalacións do Complexo Acuático do Castro, de propiedade compartida entre os concellos de Ares e Mugardos e sitas na parroquia mugardesa de Franza, iniciaron o seu funcionamento en abril de 2011 cunha piscina, un ximnasio e unha zona relax/ spa, dando servizo máis de 900 socios e socias.