Martes. 23.04.2024

A Bandeira de Bateis Concello de Ares decidirase este domingo 20 de marzo en augas aresáns a partir das catro da tarde, nunha proba integrada dentro da Liguiña Norte de bateis e que presentaron a concelleira de Deportes, Noelia Montero e o presidente do Club de Remo da vila, Germán Sánchez, realizando a entrega oficial da bandeira e que se levará o club vencedor da proba o vindeiro domingo.

Montero destacou durante a presentación o "gran atractivo que supón un evento así, despois de todo o impacto da pandemia" e informou que poderase seguir desde o paseo marítimo ao organizarse dentro da ría e con moitas embarcacións. A concelleira concluiu indicando que a importancia de manter esta colaboración do concello e o club porque "é vital para nós, pero tamén é parte do espíritu do concello ter unha relación fluída con todos os que integran o tecido deportivo do municipio".

Pola súa banda, Sánchez tamén incidiu na importancia desta colaboración, e agradeceu a Protección Civil, Garda Civil... e ao Concello en xeral a súa implicación nesta importante cita deportiva. Para o presidente do Club de Remo de Ares, o vindeiro domingo asegura que o club organizador parte con "opcións de gañar" e de que a bandeira quede na casa, "máis primeiro hai que remala, iso sempre" e destacou o atractivo desta bonita proba sobre todo para as nenas e os nenos pero tamén para os maiores.