Sábado. 27.07.2024

O recinto de Expourense foi o escenario, o 17 e 18 de febreiro, dos Campionatos de España de Atletismo en pista cuberta, e nos que a representación galega, conformada por 36 atletas, acadou uns importantes resultados con catro medallas, un récord galego absoluto e cinco postos finalistas. As preseas as acadaron, nas súas especialidades, Ana Peleteiro, Belén Toimil, Saleta Fernández e Adrián Ben. 

A atleta de Ribeira conseguía o seu oitavo título indoor no triple salto, acadando no seu cuarto intento a mellor marca do ano (14,32 metros), e á mínima olímpica. Pola súa banda, Belén Toimil dominou a especialidade de peso, e sumou o seu cuarto título de España consecutivo cunha marca de 18,23 metros, o mellor rexistro nuns campionatos nacionais, e que deixa moi boas sensacions de cara ao comezo da tempada ao aire libre.

A terceira das medallas dos representantes galegos, unha prata en salto de lonxitude, conseguiuna a monfortina Saleta Fernández, depois dunha igualada proba ante a gañadora, Una Stancev, que superaba os 1,84 metros, dous centímetros máis que Fernández que sumou o seu sexto podio indoor nuns Campionatos de España.

A cuarta presea da delegación galega foi o bronce de Adrián Ben na final dos 800 metros, na que se impuso con claridade o campión mundial, Mariano García, e na que o galego mantivo unha emocionante loita por acadar a medalla de prata co malagueño Mohamed Attaoui, e que conseguiu este último por tan só dúas décimas por debaixo do tempo rexistrado polo galego de Viveiro (1:47.83 minutos).

Os postos de finalistas dos representantes galegos foron para a campioa galega de 3.000 metros, Laura Santa, que rematou o seu concurso na quinta praza (9:16.48 minutos). Mehdi El Nabaoui, do Atletismo Santiago, foi outro dos finalistas nesta distancia rematando cun tempo de 8:21.66 minutos o que o situou na sexta praza do Nacional. E, finalmente, mención especial para o atleta internacional venezolano con ficha por Galicia, Gerson Vidal que revalidou o terceiro posto, sen dereito a medalla, na modalidade de combinadas na que sumou, tras o seu concurso un total de 5.860 puntos.

Por outra banda, Sevilla acolleu o Campionato de España de maratón, no que participaron catro galegos, e no que Ester Navarrete, na súa estrea, acadaba o título nacional cun rexistro de 2:24:40 horas, o que supón a segunda mellor marca feminina da historia e a mínima olímpica para París-24.