Luns. 29.04.2024

O Concello de Brión e o Club Deportivo Brión-Hyupersa Santiago veñen de anunciar a apertura das inscricións para a II Cronoescalada Solidaria Torres de Altamira que se disputa o vindeiro 9 de marzo nun ciruíto de 7 quilómetros. A recadación da proba, que está aberta á participación de deportistas federados como non federados, será doada integramente á Art of Dent, a asociación galega da enfermidade de Dent. Haberá un límite de 300 participantes, e a cronoescalada partirá da Carballeira de Santa Minia.

A II Cronoescalada Torres de Altamira trátase dun circuíto de dificultade media cun desnivel positivo de 320 metros. A saída darase ás 16:00 horas por grupos de 6 atletas, que partirán por orden alfabético e con 30 segundos de diferenza. 

Todas as persoas interesadas en participar poden formalizar as súas inscricións ata as 23:59 horas do 6 de marzo a través da páxina www.galitiming.com, e o prezo da mesma é de 8 euros. A organización habilitará tamén un dorsal solidario para todos os que non poidan participar na proba e queiran colaborar cunha doazón á asociación. No caso de que, por calquera causa, non se poida celebrar a competición, non se devolverá o prezo da inscrición, xa que se destinará igualmente a Art of Dent. 

Art of Dent é unha asociación sen ánimo de lucro que naceu no ano 2020 por iniciativa de varias familias galegas, dos concellos de Brión, Muros, Pontevedra e Lugo, con nenos afectados pola enfermidade de Dent, unha doenza minoritaria que afecta ás funcións habituais dos riles. 

O principal obxectivo da asociación é o de recadar fondos para o financiamento da investigación e o estudo sobre a enfermidade de Dent no NefroChus (Laboratorio de Xenética de enfermidades renais do IDIS, en Santiago de Compostela.