Sábado. 27.04.2024

Bo rédito o acadado pola dupla de Melide, Xesús Ferreiro e Xavier Anido, na súa participación no Rally Costa Brava, primeira proba do Campionato de Europa FIA de Rallyes Históricos e tamén do Campionato de España de Rallyes de Vehículos Históricos que disputouse durante a fin de semana do venres 15 de marzo e que finalizaba na xornada do sábado tras dous días de intensa competición, nunha proba que contou con máis de 250 participantes.

Con todo, non foi un rallye fácil para o equipo de Melide, que xa dende o inicio comprobaron como tiñan problemas de presión de combustible no seu Ford Escort RS MKII. A pesar de que o tentaron durante toda a primeira etapa, non conseguiron solucionar a avaría ata a última asistencia deste primeiro día, finalizando na décimo quinta posición absoluta e cuns cronos discretos para o que adoita ser habitual neles.

Tras realizar unha reparación provisional, a etapa do sábado non iría moito mellor pois rompía unha membrana da bomba de combustible que lles provocou perdas constantes de gasolina, co consecuente risco que iso supón. Aínda así, os tempos foron mellorando con respecto aos do día anterior e mesmo no último tramo, vendo que era factible conseguir a vitoria no Campionato de España, lanzábanse a por iso e neutralizaban os dous segundos de diferenza con respecto a Josep Autet-Jordi Ventura, impoñéndose no CERVH (Campionato de España de Rallyes de Vehículos Históricos) e na categoría Pre81.

Xesús Ferreiro comentaba que “tal e como empezamos tratamos de non descentrarnos e de tentar realizar o rallye ao completo, o que conseguimos a pesar de todos os problemas e inconvenientes que fomos padecendo ao longo dos dous días. Afortunadamente puidemos alcanzar o noso obxectivo, finalizando na décima posición absoluta e primeiros da nosa categoría, a Clase 3, no Europeo. Tamén logramos a vitoria no Campionato de España, así que sumamos uns puntos moi importantes para loitar por ambos os títulos”.