Venres. 26.04.2024

O Concello de Curtis vén de aprobar de forma inicial, a modificación nº 2 do Plan parcial do sector do SUD.6 Curtis-Teixeiro co fin de reubicar a superficie destinada a albergar instalacións comerciais. Entre as actuacións que se levarán a cabo resalta a recolocación da zona de uso comercial prevista no polígono industrial, a unha zona con mellor accesibilidade e visibilidade, a fin de favorecer a instalación de actividades produtivas nel (cunha superficie aproximada de 14.506 m2).

A maiores tamén se aproveita para resolver outros problemas en canto a aplicación da normativa prevista no Plan Parcial en vigor, detectado nestes anos de vixencia coma son: adecuar a ordenación prevista na parcela ocupada pola subestación de Fenosa, adecuar a ordenación prevista na parcela ocupada polos depósitos de abastecemento de agua municipais, así como posibilitar a súa necesaria ampliación para permitir a implantación dunha nova E.T.A.P. Tamén se actualizarán as ordenanzas de aplicación a lexislación urbanística en vigor, así coma as novas necesidades e demandas actuais das industrias.

Dita modificación foi remitida ao órgano ambiental, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático para o Inicio do Procedemento de Evaluación Ambiental Estratéxica Simplificada segundo o establecido na Lei do Solo de Galicia, a cal despois de consultar as administracións públicas afectadas e as persoas interesadas, formulou Informe Ambiental Estratéxico, no que resolveu non someter ao procedemento ordinario de evaluación ambiental estratéxica por non haber ningunha incidencia significativa que afecte; dito informe xa foi notificado ao Concello.

Tal e como explican fontes municipais “con estas actuacións conseguirase mellorar a ordenación das dotacións públicas de servizos urbanos localizadas no polígono industrial, dar resposta ás necesidades actuais das empresas respecto dos procesos produtivos, loxística e almacenaxe e facilitar a posterior xestión urbanística dos desenvolvementos definidos, ademais de buscar unha solución sostible na súa tripla vertente: ambiental, social e económica”.