Mércores. 24.04.2024

O Pleno de Boqueixón aprobou, cos votos a favor do executivo local do PP e en contra de Veciñ@s de Boqueixón, os orzamentos municipais para o presente exercicio 2021. Nesta sesión extraordinaria tamén se deu luz verde a unha modificación en certas taxas, como a de expedición de certificacións catastrais no PIC municipal.

O voceiro do equipo de goberno, José Manuel Iglesias, encargouse de realizar un repaso sobre os principais aspectos das contas municipais deste ano, que ascenden a 4.219.587,29 euros. Entre eles, atópase “a redución en tres puntos da partida de gastos de persoal con respecto ao exercicio anterior, que supón un 36,21% do presuposto, en torno a 1,5 millóns de euros”.

Ademais, “incrementamos nun 52% os gastos en bens correntes e servizos con respecto a 2020, chegando aos 2.199.754,68 euros. Esta partida destínase, entre outros servizos, á atención social, servizos culturais, propostas de fomento do deporte e a conciliación”, explicou o tamén concelleiro de Economía.

No tocante aos investimentos reais, está contemplada unha partida dun total de 385.375,66 euros. Gran parte deste montante destinarase ao acondicionamento de diversas vías de comunicación do municipio, como pistas en Codesal ou entre Ponte e Abeleira, que suporán un investimento de preto de 200.000 euros. Tamén se prevén investimentos en materia medioambiental (como a de adquisición de 900 composteiros, por preto de 60.000 euros) e no fomento do deporte (coa reforma prevista no pavillón do Forte, por arredor de 50.000 euros).

Iglesias matizou que “aínda que non están contemplados no orzamento, si temos a previsión de que se vaian facer investimentos no noso Concello por valor de máis de millón e medio de euros”. Entre as actuacións, o voceiro do PP boqueixonés mencionou melloras na contorna dos Camiños de Santiago ao seu paso polo municipio, a urbanización dunha aldea en Loureda, os 360.000 euros de fondos propios para finalizar a EDAR de Sergude, así como outros investimentos en abastecemento e saneamento (por máis de 120.000 euros) e tamén o acondicionamento do aparcadoiro de Protección Civil. De concretarse estas previsións, “o investimento por habitante de Boqueixón durante este ano achegaríase aos 404 euros”.