Venres. 26.04.2024

O Concello de Oroso aprobou nun pleno extraordinario un orzamento municipal para o ano 2021 de 6.899.994,20 euros, cun incremento do 14% no gasto social.

As contas saíron adiante co voto a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP e Oroso Renovable. “Son uns orzamentos sensibles, focalizados á protección social, con axudas para os colectivos en maior risco de exclusión, as familias e os sectores máis afectados pola pandemia da Covid-19”, asegurou na sesión o portavoz do grupo de goberno, Antonio Leira.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, destacou pola súa parte que os orzamentos “axústanse aos tempos que vivimos, un contexto complicado de crise sanitaria e económica no que o gasto social ten que ser a prioridade”.

A partida de políticas sociais superará os 750.000 euros (665.000 euros o ano pasado) e inclúe os gastos no servizo de axuda no fogar (SAF), emerxencia social, reparto de alimentos e axudas ás familias e colectivos máis afectados pola pandemia do coronavirus.

No caso do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a partida do concello para este servizo aumentou en 68.000 euros entre 2020 e 2021. Ademais, Oroso destinará este ano 140.000 euros do Plan Único da Deputación da Coruña a gasto social.

O grupo de goberno lembrou no pleno que “este ano entran en vigor diferentes medidas e exencións fiscais para a veciñanza, entre as que están unha rebaixa no IBI e no recibo do lixo, así como unha bonificación dun 60% no imposto de vehículos de tracción mecánica para os automóbiles eléctricos e híbridos”.

Tamén haberá unha bonificación de ata un 75% no imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana a título lucrativo por causa de morte a favor de descendentes e cónxuxes. Todas estas medidas fiscais terán un impacto superior aos 200.000 euros, cos que contarán os veciños e veciñas de Oroso para os seus gastos.