Mércores. 24.04.2024

O delegado do goberno en Galicia, José Miñones, e a subdelegada do goberno na provincia da Coruña, María Rivas, estiveron en Negreira para presentar xunto ao alcalde, Manuel Ángel Leis Míguez, e o grupo de goberno local un investimento de 2.164.000 euros para renovar con tecnoloxía LED toda a iluminación pública do concello

O delegado do goberno destacou que, grazas ás xestións do concello para demandar a subvención, o Ministerio para a Transición Ecolóxica financiará con 1,68 millóns de euros esta renovación integral do alumeado público municipal, o 80% do custo total do proxecto.

O Concello de Negreira asumirá o 20% restante ata sumar o citado investimento de 2,1 millóns de euros. Neste momento, o goberno local está a contratar a redacción do proxecto previo ao inicio da obra.

Esta actuación inclúe a renovación das 2.764 luminarias do municipio para a tecnoloxía LED e a renovación dos cadros de mandos. José Miñones destacou que “grazas a estas actuacións o Concello de Negreira aforrará 125.000 euros anuais de factura da luz, ata un 70%, que poderá adicar a outros servizos públicos, e reducirá o seu consumo enerxético nun 61%”.

O delegado do Goberno sinalou que, como novidade, “o proxecto inclúe o desenvolvemento dunha plataforma web de seguimento en tempo real do mapa lumínico do Concello, que permitirá detectar avarías, coñecer os consumos e facer unha xestión máis eficiente do sistema. Doulle a noraboa ao Concello ante a súa aposta pola xestión integral do alumeado que o sitúa á vangarda dos concellos de Galicia”, engadiu

Pola súa parte, o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis Míguez, destaca que a nova rede dotará ávila “da tec­noloxía máis eficiente no ámbito do alumeamento público, cunha mellora da visibilidade no casco urbano e todas as parroquias”. “Ademáis, o aforro para as arcas municipais será moi importan­te, polo que teremos eses cartos para investir noutras necesida­des”, engade.

A renovación da rede permi­tirá por outra parte ao concello “contar cun sistema de axuste dos horarios de acendido e do consumo en horario de madru­gada, rebaixar os gastos de man­temento mediante o aumento da vida útil das luminarias e reducir a contaminación lumínica, cum­prindo todas as normativas da Unión Europea”.