sábado 28/05/22

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, visitou o inicio das obras de pavimentación da travesía de Bastavaliños, unha actuación adxudicada á empresa Francisco Gómez y Cía SL por 92.236,36 euros e incluída no Plan Único de Concellos “POS+2021”. Uns traballos que se iniciaron esta semana coa demolición dos redutores físicos de velocidade e dos pasos de peóns elevados, así como daqueles treitos da senda peonil que darán acceso aos novos pasos de peóns elevados.

 Pablo Lago explica que “ademais de mellorar o estado do firme da travesía de Bastavaliños, imos aproveitar tamén para colocar algúns dos redutores de velocidade. Buscaremos que non estean tan pegados ás vivendas, xa que iso xera ruídos e molestias para a veciñanza, sobre todo pola gran cantidade de tráfico pesado que soporta esta estrada”. Unha estrada na que estará restrinxida a circulación durante a execución dos traballos, coa única excepción das persoas residentes na zona.

 MELLORA DA SEGURIDADE

 Tamén se procedeu a nivelar a altura do firme da travesía coa altura da senda peonil existente, de forma que estean niveladas e se mellore a seguridade dos peóns á hora de cruzar á calzada. Para iso, o Concello de Brión instalará oito pasos elevados ao longo dos 2.290 metros desta travesía, totalmente recta. Todos estes pasos a peóns levarán consigo dúas sinais luminosas de paso de peóns, unha de cada lado, para incrementar a seguridade do peón.

 Estes pasos de peóns elevados instalaranse nas proximidades dos núcleos de poboación, mentres que o Concello tamén ten previsto instalar outros nove redutores de velocidade entre os distintos pasos de peóns. O obxectivo é que os vehículos non superen os 50 km/hora aos que está marcada esta estrada, pero cuxo trazado fai que moitos condutores superen eses límites. A maiores, colocarase unha nova sinalización horizontal e vertical.

 O novo pavimento executarase mediante unha capa de 3 centímetros de mestura bituminosa e a correspondente rega de adherencia ao longo dos 2.290 metros de lonxitude da travesía de Bastavaliños. Así mesmo, o Concello de Brión aproveitará os traballos para recolocar parte do mobiliario urbano desta travesía, como poden ser as marquesiñas do transporte escolar para emprazalas nos lugares máis seguros e a onde teñan un máis doado acceso o maior número de crianzas.

comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade