Xoves. 28.03.2024

Os Populares de Teo demandan ao Goberno local que arranxe con urxencia unha tubaxe de drenaxe de pluviais que rachara xunto a unha pequena ponte, no lugar de Feros, na parroquia de Cacheiras.

Tal e como explican dende esta formación “a ruptura desa condución xa ocasionara inicialmente o afundimento de parte do terreo e a caída dun sinal de tráfico e que podería causar un derrubamento maior na zona, debido ás precipitacións que se rexistraron nos últimos días e a auga que discorre por debaixo da estrada”.

José Manuel Guerra, voceiro dos populares de Teo alerta do perigo que supón ese risco de colapso, tanto para os condutores, como para os viandantes, e solicita que o Concello acometa “canto antes o arranxo da tubaxe, ante a pasividade da exedil de Urbanismo socialista Uxía Lemus, á que os veciños da zona alertaran da situación hai máis de dous meses”.

Unha petición que xa foi levada ao Pleno que se celebrou no mes de novembro xunto co “inexplicable estreitamento da calzada nas obras de construción da senda peonil e ciclista no centro e no sur do concello”. De feito, os populares deron conta dunha saída de vía que se produciu nas inmediacións de Rarís “por culpa do estreitamento, o que corrobora o problema de seguridade que supón esa deficiente execución”.

Ademais, o Grupo Popular reclamou a ampliación da obra de pavimentación e asfaltado en San Domingo; actuacións de mellora de pasos de peóns e varias zonas que presentan un notable estado de abandono en Cacheiras; a solución dos problemas de subministro eléctrico nos campos de fútbol de Calo e de Praíña; e o acondicionamento dun acceso axeitado para persoas discapacitadas na entrada ao campo de fútbol de Pontevea.

Xunto a esas demandas, os Populares esixiron que se resolvan os problemas coas obras e cos semáforos en varias pistas de Cacheiras e A Cascalleira, e reclamaron tamén a instalación dun semáforo para persoas invidentes en Montouto, recollendo a petición dun veciño da zona.