Xoves. 25.04.2024

O portavoz do Grupo Popular José Manuel Rey Varela avanzou, que tras a reunión do grupo municipal, acordouse por unanimidade nomear como portavoces adxuntos aos concelleiros Alejandro Padilla Rodríguez e Javier Díaz Mosquera, tras o nomeamento de Martina Aneiros Barros como Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Ferrol. “O noso compromiso é traballar por Ferrol e os ferroláns, así o facemos e seguirémolo facendo, a pesar das trabas que o goberno local pon ao grupo maioritario da corporación”, dixo Rey Varela.

Ademais, á concelleira Susana Sanjurjo atribúelle a responsabilidade de Facenda e Patrimonio, a Elvira Miramontes as de Promoción Económica e Emprego- xunto coa de Igualdade que xa viña desempeñando-, a Javier Díaz a área de Recursos Humanos, ademais de Movilidad, Seguridade e Transporte que xa ostenta, e ao concelleiro Arán López a de Mocidade, mentres o resto de concelleiros seguirán coas mesmas responsabilidades. “Coa incorporación de Arán López, o grupo asume novas responsabilidades sempre pensando na realización dun traballo transversal e coordinado, que redunde en beneficio dos veciños”, puntualizou o portavoz ferrolá.

Rey Varela agradeceu a todos os concelleiros o traballo e o esforzo realizado durante estes tres anos e animoulles a seguir na rúa escoitando as preocupacións e facéndose eco das demandas dos veciños para seguir sendo “o altofalante da maioría dos ferroláns e ferrolás que senten decepcionados tras tres anos sen ver nada de xestión municipal”.