Venres. 26.04.2024

O Concello de Oroso pechou o ano 2020 con superávit e un remanente de tesourería de 1.313.367,11 euros, unha situación que reflicte a xestión económica municipal.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, destaca que “os datos amosan a fortaleza económica das arcas municipais e a xestión responsable por parte do noso grupo de goberno, a próxima semana daremos a coñecer os orzamentos para o ano 2021”.

Ademais, este 2021 entran en vigor diferentes medidas e exencións fiscais para a veciñanza, entre as que están unha rebaixa no IBI e no recibo do lixo, así como unha bonificación dun 60% no imposto de vehículos de tracción mecánica para os automóbiles eléctricos e híbridos.

Por unha parte, tamén haberá unha bonificación de ata un 75% no imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana a título lucrativo por causa de morte a favor de descendentes e cónxuxes. Todas estas medidas fiscais terán un impacto superior aos 200.000 euros, cos que contarán os veciños e veciñas de Oroso para os seus gastos.

Por outra parte, o grupo de goberno do Concello de Oroso estudará nas próximas datas novas medidas de axuda aos sectores máis castigados pola pandemia do coronavirus, como o comercio, a hostalaría e os autónomos.

Á marxe das axudas, desde o pasado mes de marzo o concello tomou outras medidas como o reparto gratuíto de máis de 22.000 máscaras e material EPI (hidroxel e luvas), ou a desinfección do centro de saúde, os espazos públicos e os arredores dos establecementos esenciais, que supuxeron un investimento por parte do concello de máis de 125.000 euros.

O gasto do Concello de Oroso entre medidas directas, axudas, o Plan Reactiva e outras bonificacións supera os 230.000 euros desde o comezo da pandemia.