Sábado. 27.04.2024

Cobre San Rafael, empresa que promove a reactivación da produción de cobre na canteira activa situada nos municipios de Touro e O Pino (A Coruña), activou a primeira edición do programa TERRAS da Xente, que achegará axudas por valor de 25.000 euros a diversas asociacións ou entidades sen ánimo de lucro con fins sociais, educativos, culturais, ambientais ou deportivos, e que desenvolvan os seus proxectos na comarca de Arzúa.

Con esta nova edición, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto do 15 de febreiro ata o 15 de marzo, a empresa reforza a súa aposta polo benestar social e o desenvolvemento sostible da comunidade. En xeral, o programa pretende premiar, patrocinar e colaborar con proxectos de diversa índole que redunden na mellora da calidade de vida dos cidadáns do territorio.

Para asegurar unha adecuada repartición destes fondos, e que teñan un efecto positivo nos diversos ámbitos de actuación, prevese a súa distribución en diversos premios. Un primeiro galardón de 7.000 euros para o proxecto con maior puntuación e outros 3.000 para o segundo máis valorado. Os 15.000 euros restantes distribuiranse en axudas por importe máximo de 1.500 euros aos demais proxectos con maior puntuación tras os dous premiados.

As iniciativas que opten ás axudas contempladas neste programa deben desenvolverse entre 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022 e cada entidade poderá presentar un único proxecto. Unha vez recollidas todas as solicitudes no prazo establecido, Cobre San Rafael procederá á valoración e adxudicación das axudas. Os proxectos serán valorados por un comité composto que determinará a súa adecuación aos obxectivos descritos nas bases do programa. O acto de entrega das axudas terá lugar no mes de abril de 2022.