Luns. 29.04.2024

Aprobouse en xunta de goberno local a proposta de adhesión do Concello ao Programa da reciclaxe a través das plantas de compostaxe promovidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama). “Ferrol amosa a súa aposta por intensificar e mellorar a reciclaxe dos produtos que usamos, co obxectivo de reducir o impacto negativo no medio ambiente”.

Os colectores instalaranse no barrio de Canido e os residuos domésticos que se poden depositar neles son, entre outros, restos de alimentos pero tamén panos de mesa, bolsas de infusións, cortizas, papeis biodegradables, restos de flores ou paus dos xeados. O seu tratamento realizarase a través das etapas do tratamento de FORSU (Fracción Orgánica de los Residuos Sólidos Urbanos).

Os informes municipais do Concello de Ferrol lembran a obriga de implantar, antes do 31 de decembro, a recollida da fracción orgánica dos residuos (bolsa marrón ou quinta fracción). E recollen a posibilidade, por parte do Concello, de adherirse á solución exposta por Sogama, que, basicamente, consiste en utilizar o sistema Sogama para esta xestión. Para iso, o Concello, a efectos operativos, debería levar a cabo a recollida con medios propios e trasladar os residuos á planta de Sogama en Narón, como se fai na actualidade coas fraccións envases e resto.

O importe proposto para a xestión da quinta fracción sería de 48,30 €/t (máis IVE), que resulta inferior, en calquera caso, á establecida con carácter xeral por Sogama para a fracción resto (66,00 €/t no caso xeral ou 56,10 €/t, o importe bonificado).

O convenio obriga á implantación da recollida (ao que xa obriga a Lei de residuos); non poderá conter máis dun 15% de residuos impropios (plásticos, papel, vidrio, textiles…), algo que será observado pola propia Sogama.

Establécese un prazo mínimo de vixencia deste convenio de cinco anos e deberá implantarse o colector marrón na cantidade necesaria para dar servizo á poboación e establecer as rutas e frecuencias de recollida, ademais de realizarse campañas de sensibilización para que os veciños fagan correctamente a separación dos residuos.

Precisamente, na xornada de hoxe ofrecerase información ao respecto á cidadanía nunha carpa instalada na praza Miramontes, que estará operativa ata as 13:30 horas pola mañá e de 15:30 a 18:30 horas pola tarde.

Pódese acceder a más información na dirección https://www.ferrol.gal/arquivos/documentos/voluntariadomarron/TripticoTTACFerrol-2.pdf