Venres. 26.04.2024

O Concello do Pino vai licitar o servizo de recollida de lixo por un período de dous anos, cun presuposto máximo de195.000 euros, con posibilidade de tres prórrogas de un ano cada unha, segundo se aprobou no pleno extraordinario de hoxe cos votos a favor do PP e a abstención de PSdeG e BNG. Na sesión tamén se aprobou a relación de postos de traballo para o persoal municipal, coas mesmas posturas. Por unanimidade, aprobáronse os once expedientes para bonificarlles a contribución ás 11 explotacións gandeiras que presentaron toda a documentación.

O custo da recollida de residuos urbanos e limpeza viaria no Pino incrementarase no novo contrato porque a empresa adxudicataria terá que poñer o camión compactador para prestar o servizo, cunha capacidade de dez metros cúbicos, segundo explicou o alcalde. “Isto vai redundar nunha mellora do servizo, xa que se se avaría, será a empresa a que teña que poñer un novo camión ao día seguinte, e evitaremos que se utilice como escusa por parte da adxudicataria, como ocorre actualmente”.

O prezo dun camión para recollida de lixo das características do solicitado nas cláusulas do concurso estímase en 120.000 euros, o que supón un incremente no custo total do servizo en 30.000 euros anuais. “Levamos anos solicitándolle a Deputación un camión para a recollida de lixo. Ao non conseguilo pensamos que o mellor é que o poña a empresa”, dixo Taboada.

Na votación, socialistas e nacionalistas optaron por absterse, e o equipo de goberno votou a favor, polo que o proceso de licitación “empezará nas vindeiras semanas”.