Venres. 26.04.2024

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo; analizou co alcalde de Curtis, Javier Caínzos, diversos proxectos medioambientais e de mellora das infraestruturas e da seguridade cidadá no Concello. A subdelegada, que asinou no libro de honra do Concello, e o rexidor mantiveron unha reunión para avaliar diferentes iniciativas nas que están implicadas ambalas administracións.

No encontro tamén estiveron presentes os concelleiros de Servizos, Emerxencias e Obras, Emilio Souto Iglesias; e de Promoción Económica, Emprego e Formación, José Barral López; ademáis do coronel responsable da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina; e o director do centro penitenciario de Teixeiro, José Ángel Vázquez.

A mellora da rede de suministro e abastecemento de auga foi un dos temas abordados xa que o Concello, en colaboración coa Deputación da Coruña, asumirá o financiamento da mellora e ampliación da rede, coa conexión da canalización do polígono industrial co centro penitenciario de Teixeiro.

A obra requerirá a instalación de máis de 5.200 metros de tuberías a través das cales se lles dará un mellor servizo de auga potable tanto ao centro penitenciario coma ao núcleo de Paradela, na contorna da propia prisión.

O investimento previsto nesta iniciativa é de 297.374 euros, que serán aportados pola Deputación da Coruña e polo Concello de Curtis. Segundo as previsións iniciais, o proxecto pode estar aprobado no último trimestre deste ano e será o goberno municipal o encargado da licitación.

NECESIDADE DE INCREMENTAR A SEGURIDADE

Por outra parte, Javier Caínzos trasladou á subdelegada e ao coronel da Garda Civil os problemas de seguridade existentes no municipio e que foron motivo dunha moción secundada pola corporación na que se demandaba a adopción de medidas encamiñadas a mellorar dita seguridade. Entre as peticións feitas por parte do Concello figuraba a cobertura da plaza actualmente baleira no cuartel de Curtis para desta maneira completar a plantilla da Garda Civil.

O alcalde abogou por unha reestructuración organizativa territorial na provincia para mellorar a capacidade do servizo e neste sentido o responsable da Comandancia da Coruña recordou que a Garda Civil ten estruturado o seu funcionamento en grupos operativos precisamente para garantir o mellor servizo posible.

En todo caso, o alcalde, que xunto a subdelegada do Goberno visitou as instalacións do cuartel da Garda Civil, foi informado da convocatoria da praza baleira no posto de Curtis, dando desta maneira resposta á demanda da corporación local.

AFORRO ENERXÉTICO

Por último, Pilar López-Rioboo e Javier Caínzos repasaron algunhas das iniciativas en materia de aforro enerxético e que contan coa participación estatal. En concreto, o Concello acometerá en breve un novo proxecto de renovación da iluminación pública no municipio, dentro da liña de axudas para a renovación das instalacións de iluminación exterior municipal cofinanciada polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) da Unión Europea, e xestionada polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, con cargo ao Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética.

Trátase da sustitución de 284 luminarias por outras novas de tecnoloxía LED e a renovación de 64 cadros de mando. A iniciativa conta cun orzamento de 364.484,35 euros, dos que máis de 291.000 son aportados polo IDAE e os outros 73.000 corresponden á aportación do Concello.

Este proxecto forma parte do programa de renovación integral da iluminación que leva a cabo o Concello e no que participan tamén a Deputación e a Xunta de Galicia e que lle permitirá alcanzar un aforro enerxético de máis do 40% no consumo eléctrico. Esta é a segunda axuda recibida polo goberno municipal por parte do IDAE, que nunha anterior fase do proxecto aportou outros 325.000 euros.