Venres. 26.04.2024

O Concello de Fene rematou a preparación de dúas parcelas de 4.000 metros cadrados situadas entre a rúa da Fraga e o río Cádavo co obxectivo de habilitalas como grande zona de estacionamento. Ademais destas, o consistorio tamén está acondicionando outras dúas, unha de 2.000 metros cercana á Praza Verde e outra duns 1.500 situada ao carón do colexio Jorge Juan. Son en total 7.500 metros cadrados que axudarán a desconxestionar Marqués de Figueroa e que, ademais, proporcionan un espazo extra de aparcamento en citas con grande afluencia de xente, como por exemplo as Festas dos Santos que se celebrarán a próxima fin de semana en Perlío. Calcúlase que as novas superficies, froito de acordos de cesión coa veciñanza, permitirán aparcar ata 260 vehículos.

As catro parcelas conveniadas son chan urbano sen edificar que ata hai pouco se encontraba cheo de maleza e que agora o Concello está preparando cunha intervención pouco profunda, consistente nunha limpeza superficial seguida dun labor de nivelado con grava e saburra compactadas. As obras buscan unicamente regularizar e reforzar o chan o xusto e necesario para poder utilizar as parcelas, dado que a cesión ao Concello non é definitiva e, ademais, están afectadas pola proximidade do río Cádavo e incluso por Patrimonio.

Xa concluiu a preparación dos dous terreos situados na rúa da Fraga e estes días trabállase no acondicionamento doutra das parcelas cedidas, a situada ao pé da rúa Cañotas, de 2.000 m2. "Alí polo momento, só fixemos unha limpeza xeral e unha nivelación ata onde podemos, á espera de que chegue o permiso de Augas de Galicia para perfilar perfectamente as irregularidades e compactar a superficie como é debido", precisou Juventino Trigo.

O rexedor recorda que desde o ano pasado -cando se pecharon os acordos polos terreos da Fraga e Cañotas- tamén se negociou cos propietarios a ampliación doutra zona de aparcamento situada fronte aos Módulos, xusto onde confúen San Salvador, a Rúa Alta e a Rúa Maroño. "Alí xa había unha explanada duns 600 metros de superficie que se utilizaba como estacionamento e agora conseguimos ampliar o espazo ata os 1.500 metros", explica Trigo.