Venres. 26.04.2024

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou que o Goberno vén de aprobar as axudas polas que catro concellos de Galicia poderán contratar axentes locais para o desenvolvemento de iniciativas municipais vencelladas á innovación. O Ministerio de Ciencia e Innovación aprobou a concesión de 128.177,5 euros para os municipios galegos da Coruña, Santiago de Compostela, Ribeira e Ames, que poderán afrontar con eles a contratación deste personal técnico. "Os axentes de innovación serán unha figura esencial para os concellos, axudando a alcanzar os seus retos de futuro mediante asesoría e redes de coñecemento apoiadas na ciencia e tecnoloxía”, indicou, “ e supón una nova mostra da vocación municipalista do Goberno, esta vez nun ámbito tan relevante como a innovación”, engadiu

Jose Miñones explicou que estas axudas están orientadas a concellos que pertencen á Rede de Cidades de Ciencia e Innovación, a Rede Innpulso. A través destas axudas, o Ministerio contribúe co 75% do custo anual desta contratación nos municipios de entre 20.001 e 100.000 habitantes (Ribeira, Ames e Santiago) que perciben 34.957,5 euros cada un, mentres que nas cidades máis de 100.000 habitantes (A Coruña) financiará ata o 50%, o que significa unha aportación de 23.305 euros. Cada concello deberá realizar a contratación do axente local de innovación nos tres meses seguintes á notificación da orde de concesión das axudas.

O delegado do Goberno detallou que os axentes de innovación adicaránse en exclusiva á implementación das políticas de innovación municipais. Esta figura promoverá o desenvolvemento de proxectos de innovación dixital, a licitación de proxectos de compra pública de innovación, e os plans de sostibilidade, aforro enerxético ou economía circular. Tamén fomentará o emprendemento tecnolóxico e social local.