Venres. 26.04.2024

O pleno aprobou a proposta de alcaldía para o Plan Único POS+2022 asignado ao Concello de Ordes. Este conta cun financiamento por parte da Deputación da Coruña que ascende a 793.012 euros, dos que 186.367 euros proceden da reinversión de baixas nas licitacións.

 O goberno local incorporou na súa proposta de obras (inversións financeiramente sostibles) 339.305 euros para o saneamento dos lugares de Gouzón, A Castiñeira e A Altiboia, na parroquia de Leira. Tamén se levarán a cabo cun importe de 76.120 euros distintas intervencións en camiños de Nouche, O Souto e A Igrexa (Bean), Folgoso (Pereira), Outeiro a Lavandeira (Poulo), e O Porto e Casa do Monte (Vilamaior). A aportación municipal para estes dous proxectos ascenderá a 99.364 euros.

Dentro do plan complementario, aprobáronse tres proxectos, en varios dos casos actuacións recuperadas do POS+2021 que non se puideron executar por falta de fondos, como é o caso do camiño de A Rúa a Carballedo, na parroquia de Buscás, ao que se incorporaron actuacións en Faramilláns, Uzás, Aneira e Pumariño, ata un importe total de 173.177,21 euros; ou a pista de acceso a Meitufe ou o ramal situado no PQ 6 da AC-409 (Ordes-Cerceda por Mercurín), así como o acceso a Igrexa en Leira dende a N-550 que contempla a execución de saneamento e cuneta de seguridade, por un montante de 101.661,03 euros. Outros 208.888 euros están asignados a obras no camiño dende o Mesón a Morgade (Ardemil), xunto con actuacións na parroquia de Parada, pista que une A Carballeira con Rebordelos, a do Piñón a Castenda, e a de Fontenlas dende O Pazo. Todas elas con tratamento prioritario de aglomerado en quente. Un total de 25.102 euros do plan provincial destinaranse a amortizar débeda bancaria.

 José Luis Martínez Sanjurjo, rexedor ordense volveuse a mostrar moi crítico un ano mais máis, coa minoración de asignacións ao plan de obras por parte do ente provincial. Cifrou nun 51,28% o descenso nas achegas ao Concello de Ordes (464.396,55 euros en 2022) con respecto ao ano 2016. Tamén mostrouse desconforme co feito de ter que retomar proxectos e obras incluídas no exercicio pasado porque “a Deputación non fixo os deberes e deixou de incorporar fondos comprometidos”. En resumo, a aportación provincial minorou un 28,86% con respecto a do ano precedente, 2021, cando se achegaran un total de 949.993 euros.

 A votación contou co voto favorable de todos os membros da corporación, agás unha concelleira socialista e os dous concelleiros do BNG asistentes ao pleno. A abstención dos nacionalistas fundamentouse na desatención a súa petición de sufragar obras e proxectos, como a da adecuación do terreo onde se situaba o antigo karting ou a necesidade de proxectos para a iluminación de sendas peonís entre outras.


 

O Plan Único deixará no concello de Ordes un 28,86% menos que o ano pasado