Venres. 26.04.2024

O Plan de voluntariado da Baña foi aprobado polos tres grupos políticos representados na Corporación, nun pleno no que a unanimidade foi a tónica nos tres puntos sometidos a debate. Todos os concelleiros votaron a favor de facer unha pequena modificación no POS 2022 referente a plataforma de numeración do municipio e para aprobar os logotipos dixitais do Concello.

O tenente de alcalde, César Ramos, explicou que o Plan de voluntariado é un documento base distribuído en tres liñas estratéxicas e dez áreas de actuación para regular o servizo de voluntariado en diferentes temáticas. A preguntas da concelleira socialista Mónica González, Ramos explicou que se vai incluír tamén ao voluntariado xuvenil e abrirse as asociacións ou entidades do municipio que o soliciten. En función do número de persoas que se inscriban poderase habilitar un espazo físico en dependencias municipais. O plan de formación farase de acordo coa Secretaría Xeral de Xuventude da Xunta. O plan foi aprobado por unanimidade.

Tamén por unanimidade aprobáronse os logotipos dixitais do Concello e das diferentes concellarías. Co mesmo resultado saíu adiante a modificación puntual do POS 2022, para atender a unha petición da Deputación da Coruña relativa a plataforma de numeración municipal que incluíra o Concello no Plan de Obras e Servizos.