Venres. 26.04.2024

O Instituto Galego da Vivenda e Solo estudará a concesión dun préstamo do fondo de cooperación para rehabilitación ao concello de Curtis para a execución do proxecto de adquisición e rehabilitación dun inmoble con destino a equipamento social. Con tal fin, o director xeral do IGVS, Heriberto García, mantivo unha reunión co alcalde de Curtis, Javier Francisco Caínzos, que lle presentou o proxecto.

 O concello presentará a solicitude unha vez se publique a convocatoria do fondo de cooperación para rehabilitación, prevista para o mes de marzo.

 Na reunión tamén abordaron a marcha das obras de rehabilitación de dúas vivendas de titularidade municipal para alugueiro para as que o IGVS lle concedeu ao concello unha axuda de 80.000 euros en 20210. É o segundo grupo de vivendas municipais que rehabilita o concello de Curtis con axuda do IGVS, que en 2020 concedeu outra subvención de  69.284 euros para a rehabilitación doutras dúas vivendas que xa están dispoñibles.

 Finalmente, o director xeral do IGVS aproveitou a reunión para explicarlle ao alcalde as axudas para vivenda financiadas con fondos europeos, e de forma especial as destinadas á construción ou rehabilitación de vivendas enerxeticamente eficientes, das que se poden beneficiar os concellos que desexen promover vivendas para alugueiro. A axuda para as mesmas pode chegar a 700 euros por metro cadrado de superficie útil, cun máximo de 50.000 euros por vivenda.