Sábado. 27.04.2024

“En Narón contamos cun amplo tecido deportivo no que os clubes de baile deportivo xogades un papel fundamental”, indicou a alcaldesa Marián Ferreiro nas recepcións no Concello de Narón ao Club de Baile Deportivo Narón e ao CBD Un Paso Adelante, polos éxitos acadados por ambos clubes e as súas deportistas a pasada tempada.

O CBD Narón, equipo pioneiro da especialidade na cidade e con máis licenzas a nivel nacional, acadou o ano pasado, con varios dos seus grupos da modalidade de Danza Coreográfica, importantes premios nos campionatos de España. 

O equipo Narón Kids logrou a Copa de España e levou a prata no Nacional. New Generation alzouse co campionato, sendo segundas as súas compañeiras de Dance Girls, mentres que Dance Narón volveu a casa co ouro na Copa Federación.

Marián Ferreiro tamén recibiu e felicitou ao Club de Baile Deportivo Un Paso Adelante, que tamén se subiu ao máis alto do podio nos Campionatos de España de Danza Coreográfica coas súas formacións júnior e absoluta, Revolución UPA e Remember

“Sodes un club relativamente de recente creación na cidade pero cunha traxectoria digna de destacar e recoñecer”, incidu a rexedora durante a recepción no concello.