Sábado. 27.07.2024

As inmediacións do Estadio de Río Seco dispoñen dunha pista de lanzamentos habilitada para a práctica deste deporte. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e os edís de Obras, Pablo Mauriz, e Deportes, José Oreona, desprazáronse á zona para ver os traballos executados xunto con Miguel Soto, presidente do Club de Atletismo Narón. “Dende o goberno local adquirimos os terreos necesarios para habilitar estas novas instalacións e, a maiores, destinamos unha partida de preto de 127.000 euros para a súa construción, co obxectivo de poñela a disposición das persoas que practican este deporte”, subliñou Ferreiro.

“A pista de lanzamentos era unha necesidade no ámbito deportivo de Narón, donde cada ano son máis persoas as que practican esta disciplina, que ata o momento adestraban dentro do recinto do Estadio de Río Seco atendendo aos horarios doutras actividades”, explicou a rexedora local. Coa posta en funcionamento do espazo para lanzamento de xabalina, disco, martillo e peso, “o Concello realizará agora os trámites precisos para homologar as instalacións co fin de poder realizar competicións de lanzamento”.

Os traballos consistiron na habilitación de espazo de lanzamento, rúas, sinalizacións e a construción dunha gaiola metálica coas súas cimentacións –agora haberá unha para adestrar e outra para competicións-, executadas seguindo a normativa e as especificacións da Federación Galega de Atletismo, tal e como se contempla no proxecto.

A maiores das instalacións para a práctica do lanzamento, os traballos executados con cargo a este proxecto incluíron tamén o peche do novo recinto e do resto da parcela e a habilitación dun espazo que servirá como almacén para dar servizo a estas actividades, duns 20 metros cadrados de superficie.