Luns. 29.04.2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou o pasado 1 de decembro na presentación do club de fútbol sala Lago DVSport, no pavillón municipal das Pontes. A representante do Goberno galego incidiu na importancia do deporte no só á hora de mellorar a condición física das persoas “senón como sinónimo de benestar, disciplina e formación”.

Aneiros lembrou o “bo momento” que atravesa o deporte base galego e que se ve reflectido nas cifras do programa Xogade da Xunta “que medra en participación, orzamento, oferta, inclusión e igualdade en cada nova tempada”. Unha iniciativa que mistura a oferta deportiva, escolar e federada, para todos os nenos de entre 6 e 16 anos, e  que rematou a pasada tempada con preto de 135.000 inscritos “rachando o seu teito histórico”.

O club Lago DVSport, creado no ano 2018, conta actualmente cun total de 177 licencias federativas e equipos desde a categoría biberón ata sénior. Ademais posúe unha escola de base de fútbol sala e un proxecto de fútbol sala feminino con 48 licencias federativas (un equipo alevín e outro infantil competindo na Liga Galega e outro sénior na 1ª División Autonómica).