Xoves. 25.04.2024

A pasada fin de semana, a enseada da Gándara acollía o XXIV Trofeo de Bateis Cidade de Narón da Liga Galega Territorial Norte, organizado polo Club de Remo Narón que contou coa colaboración do Concello de Narón e que foi un éxito de asistencia e participación con doce clubes e 94 tripulacións que competiron en diferentes distancias nas categorías alevín (500 metros), infantil (1.000 metros), cadete (1.500 metros), e xuvenil e sénior masculino e feminino (3.000 metros). 

O Club de Remo de Ares foi o gran vencedor da proba, clasificatoria para a vindeira regata en Rianxo esta fin de semana, despois de acadar tres primeiros e dous terceiros postos nas categorías alevín, cadete e absoluta. Así, subiuse ao alto do podio en absoluta seguido do CR Puebla e do Club de Remo Narón. Na categoría alevín masculina, primeiro posto para A Cabana Ferrol e terceiro para o club organizador da proba. Tamén A Cabana pechaba o seu concurso cun bronce do equipo xuvenil feminino.