Sábado. 20.04.2024

O sábado 23 de xullo darase a saída á vixésimo quinta edición da Travesía a Nado Ría de Ares, organizada polo Concello, polo Club de Natación Ferrol e Serviocio, e que volve ao calendario con novidades, despois do seu adiamento por mor da pandemia, segundo o anunciou a concelleira Victoria Montenegro durante a presentación na casa consistorial, na que tamén estiveron a presidenta do CN Ferrol, Victoria Jiménez e Bruno Rodríguez de Serviocio. 

A Travesía a Nado Ría de Ares mantén o seu principal atractivo que é o seu carácter popular e menos competitivo e que ten como obxectivo  a dinamización social e a promoción e fomento da natación nunha ría que se caracteriza polas súas augas tranquilas e agradables para nadar. A previsión de participación da organización é que será bastante alta, e contan cunha afluencia de entre 100 e 120 deportistas. A inscrición para participar nesta vixésimo quinta edición pódese tramitar a través da páxina web do Concello, no seu apartado correspondente. A organización porá a disposición das persoas interesadas 25 prazas o mesmo día da travesía, que se cubrirán por orde de inscrición na rampa grande de Ares de 16.00 a 17.15 horas.

Entre as novidades, destacar a ampliación das categorías e a mellora do avituallamento. Así, auméntase o número de categorías por idades coa finalidade de facer unha proba máis motivadora e igualitaria, ao mesmo tempo que se amplía o número de premios e trofeos, nesta edición haberá trofeos, entre outros, para os gañadores absolutos (masculino e feminino), e mesmo para o nadador máis novo e o máis veterán. A zona de avituallamento contará conm melloras como hidratación, fruta fresca e bebidas quentes para os participantes.