Venres. 26.04.2024

O seteiro das Pontes, Miguel Vilariño, segue coa súa progresión ascendente e suma un novo ouro ao seu palmarés tras impoñerse na final do Campionato de Europa de tiro con arco, disputada en Múnich, Alemaña. Unha victoria que sitúa ao deportista galego como número un do ranking mundial con 280.5 puntos, converténdose no primeiro español líder do ranking mundial, relegando ao número dous ao coreano Kim Woojim.

Vilariño confirma así o seu bo estado de forma despois de acadar otro ouro e un bronce individuais nas dúas últimas citas da Copa do Mundo en Turquía e Corea do Sur. A tempada internacional do pontés está a ser espectacular, xa que ademais destas preseas individuais e converterse no número un, tamén acadou a prata por equipos na cita Europea xunto ao tamén pontés Daniel Castro que se quedou ás portas do bronce individual. Completou o equipo o seteiro Pablo Acha.

No último set da final polo título continental ante o deportista xermano Florian Unruch, Vilariño sentenciouno cun triple dez deixando o marcador nun 2-6 para subirse ao máis alto do podio e do ranking mundial, certificando o seu gran estado de forma.

Agora o seteiro das Pontes, ao que se lle retirou a súa praza para competir nos Xogos Olímpicos de Tokio, afronta unha nova cita da Copa do Mundo en París, os Xogos do Mediterráneo en Alxeria, e de novo na Copa en Colombia. O título continental garante a Miguel Vilariño unha praza na final da Copa do Mundo que se disputará en México no mes de outubro.