Venres. 29.03.2024

O pasado sábado 11 de xuño, a Alianza Aresana acolleu a presentación das Sereas de Mirandas, primeiro equipo de remo adaptado en Galicia para mulleres con cancro de mama, e cuxa principal finalidade é mellorar a calidade de vida, tanto física como psicolóxica a través do deporte colectivo. O proxecto nace como "unha rede de apoio e unha oportunidade para a práctica deportiva supervisada, de calidade e adaptada ás peculiaridades do cancro de mama", sinalaron durante a presentación nun evento para lanzar esta iniciativa á sociedade, tanto cara ao tecido asociativo como aos interesados na práctica do remo en todas as súas especialidades.

Durante o acto, no que estiveron o alcalde de Ares, Julio Iglesias, a concelleira de Deportes, Nuria Montero ou o responsable de relacións institucionais do Club de Remo de Ares, Jose Manuel Montero, tamén participou o equipo das Leoas do Guadalquivir, que ademais, desde o propio río sevillano, retransmitiron parte do seu adestramento coas dúas embarcacións adaptadas coas que contan. "Fomos testemuñas dun programa innovador que só se practica en Sevilla e Málaga, e pensamos que era posible facelo en Ares, e ao longo da costa galega, cunha afición ao remo tan consolidada" explicou o rexedor.

Juan Gavala, investigador da Universidade de Sevilla (US) e unha das persoas implicadas no proxecto das Leoas do Guadalquivir, fixo fincapé no impacto positivo do deporte na recuperación da doenza, e formulou a proposta dun remo supervisado, adaptado a cada nivel, baseado na evidencia científica e, en esencia, que vai da man dunha concepción menos restritiva do cancro de mama, fundamentos dos que xurdiu a idea para a creación das Leoas do Guadalquivir e as Dragonas de Málaga, e nos que se apoiou para o nacemento das Sereas de Mirandas e que certifican os beneficios, contrastados científicamente, do remo adaptado.

"O remo logrou mudar a miña perspectiva vital, permitiume volver a pensar en que é posible ter unha vida máis ou menos normal: volver a vivir", explicou Ángela Claverol remeira das Leoas, equipo ao que temén pertence Carmen Chao que alentou a sumarse ao proxecto das Sereas das Mirandas, malia os reparos inciais que puidera haber. Pola súa banda, Jose Montero Peli incidiu nos vindeiros pasos do equipo: o domingo chegará a embarcación e os monitores xa están preparados. "Temos unhas gañas enormes de facer isto realidade. Todo está listo para que vos echedes a remar independentemente da idade", xa que a práctica do remo adaptado a poden facer desde os 30 aos 70 anos, xa que non ten unha finalidade competitiva.

As asociacións interesadas, así como as persoas que desexen máis información, poderán sumarse ás Sereas das Mirandas a través do telefono 686 508 320 (Noelia Montero, concelleira de Deportes) ou mediante vía telemática no correo electrónico [email protected].