Xoves. 25.04.2024

O Concello de Moeche vén de anunciar que o vindeiro 20 de xuño volverá abrir a piscina municipal de Souto Grande sen restricións, no marco da nova normalidade. Malia que a data oficial de apertura é o día 20, o 19 de xuño haberá actividades nas instalacións reservadas para a festa de fin de curso do CEIP San Ramón que organiza a ANPA en colaboración co Concello. A partir da apertura da piscina xa non haberá restricións para o uso das duchas e dos vestiarios e tampouco se limitará o aforo.

Os prezos para acceder e desfrutar das instalacións mantéñense igual que o ano pasado, 1,50 euros para a entrada infantil, ata os 12 anos, e 2,50 euros para as persoas maiores desa idade. Os menores de 3 anos non pagarán entrada. Tamén se poden mercar abonos, 15 euros o infantil, 30,50 euros o de adultos, e 58,50 euros os familiares con acceso ilimitado para catro persoas, neste caso o prezo incrementarase en 10 euros por cada membro que se incorpore ao abono. Os abonos de tempada poderán solicitarse presencialmente no Concello a partir do día 6 de xuño en horario de 9.00 a 14.00 horas; chamando, no mesmo horario, ao teléfono 981 404 006 (ext. 3); enviando un correo a [email protected] ou ben a través da sede electrónica da web do Concello.

A piscina municipal permanecerá aberta desde o 20 de xuño ata o 11 de setembro cun horario de 16.00 a 21.00 horas de luns a venres, e de 14.00 a 21.00 horas os sábados e domingos. Durante os meses de xullo e agosto as instalacións abrirán de 15.00 a 21.00 horas pola semana, e das 14.00 ás 21.00 horas os sábados, domingos e festivos. As mañás de 12.00 a 13.00 horas estarán reservadas para os cursos de natición. O horario de setembro de luns a venres será de 16.00 a 20.00 horas e os sabados e domingos de 14.00 ás 20.00 horas.