Venres. 26.04.2024

A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación do asfaltado das vías de acceso e dos interiores do núcleo das Punxeiras, na parroquia de Ortoño. As obras, parte do Plan Ames Progresa 2021-2023, foron adxudicadas á empresa Excavaciones Pose SL, por un importe de 169.279 euros. O proxecto inclúe a mellora e a renovación das entradas ao núcleo dende A Tarroeira e a estrada DP-0205, así como dos treitos que discorren entre vivendas.

O Concello de Ames continúa coa posta en marcha dunha serie de melloras en infraestruturas do rural incluídas no Plan Ames Progresa 2021-2023, nesta ocasión no núcleo das Punxeiras, na parroquia de Ortoño. A Xunta de Goberno Local do pasado 22 de setembro aprobou a adxudicación destas obras por 169.279 euros á empresa Excavaciones Pose SL, que servirán para reformar o asfaltado e o estado dos seus interiores e accesos.

O proxecto divídese en tres actuacións conxuntas, que se centrarán nos interiores do núcleo e os accesos ás Punxeiras dende A Tarroeira e a estrada DP-0205. Dende a intersección con esta vía ata a chegada do núcleo, ampliarase cada marxe lateral en 50 centímetros, arranxaranse as fochancas e disporase a mesma capa de rodaxe.

Ademais, ao longo da marxe norte e das vivendas da marxe sur, construirase unha cuneta de 1,5 metros de ancho, cuberta con pavimento de formigón. Tamén na marxe norte haberá que construír un muro de bloques de granito, co fin de salvar o desnivel existente na intersección coa estrada DP-0205. Este muro contará cunha varanda de aceiro inoxidable para facilitar o tránsito con seguridade.

Por outra banda, actuarase nos treitos que discorren entre as vivendas do núcleo, de 105 metros de lonxitude e cun ramal doutros 35 metros. Neste espazo demolerase o pavimento existente e aplicarase un novo de formigón con lastras de granito.

En terceiro lugar, reformarase o viario que une A Tarroeira co núcleo das Punxeiras, arranxando as fochancas e aplicando unha nova mestura de asfalto sobre o tramo que se conserva na actualidade. Na marxe esquerda, ao longo de 150 metros, executarase unha senda para peóns que ocupará o espazo entre as vivendas, cunha capa de pavimento de formigón separada do carril para vehículos cunha cuneta. Por último, na marxe dereita, a continuación da senda, disporase dunha berma.

A drenaxe da vía realizarase mediante a canalización e a instalación de sumidoiros, pozos de rexistro e sete enlaces para a conexión das augas pluviais das vivendas do núcleo. Ademais, instalarase outra canle como previsión ante unha futura instalación de alumeado público soterrada. As actuacións completaranse coa sinalización horizontal e a colocación de dous sinais de stop.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, sinalou que “continuamos executando obras do Plan Ames Progresa, desta volta cun proxecto que vai mellorar notablemente os accesos ao lugar de Punxeiras, xa que o ancho da estrada que o une coa senda da Condomiña vai aumentar, ademais de mellorar a seguridade viaria na zona”.