Domingo. 28.04.2024

Tras a aprobación inicial do orzamento do Concello de Teo para o 2024 no primeiro pleno do ano, a finais de xaneiro, o partido municipal Proxecto en Común (PXTC) presentou unha alegación in extremis. A tramitación desta reclamación, presentada a última hora do 27 de febreiro, provocou un atraso na aprobación definitiva dos orzamentos. Neste sentido, a alegación foi admitida, convocouse un pleno extraordinario de urxencia para debatela e a continuación foi desestimada. Así, os orzamentos quedaron aprobados, pero faranse efectivos unha vez sexan publicados no Boletín Oficial da Provincia.

A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, criticou que esta alegación in extremis “atrasará aínda máis a posta en vigor destas contas, o que implicará unha demora no pago a provedores e outros gastos”.

MOTIVOS DA ALEGACIÓN

A alegación presentada por PXCT recollía que nas contas municipais non se consignaba o crédito necesario para o gasto en enerxía eléctrica dos bombeos. Non obstante, a rexedora de Teo explicou que na partida 161/221.00 da área de augas están metidos 226.000 euros, así como na partida 165/221.00, cun importe de 250.000 euros.

Ademais, Calvo de la Uz anotou que o orzamento poderase ver ampliado coa xeración de créditos do Plan Complementario 2024. Finalmente, a alcaldesa lembrou que o presuposto do Concello de Teo para o vixente ano, que ascende a 18.186.251 euros, axústase á situación real do municipio e céntrase nas necesidades e no benestar da veciñanza.