Sábado. 27.04.2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse ao municipio de Mugardos onde supervisou o estado de execución das obras da senda peonil e ciclista que o Goberno galego está levando a cabo na estrada autonómica AC-133, entre Franza e Rilo. Durante esta primeira visita institucional ao concello, Aneiros estivo acompañada polo alcalde da localidade, Juan Domingo de Deus e o xefe territorial de Infraestruturas e Mobilidade, José Antonio Álvarez, ademais de membros da corporación local.

Previamente á visita ás obras, Aneiros e o rexedor mantiveron unha reunión de traballo no Concello na que repasaron as distintas iniciativas nas que está traballando a Xunta neste municipio e na que a delegada territorial tamén se interesou polas suxestións achegadas polo alcalde.

Con respecto ao proxecto do itinerario consiste na construción dunha senda de 1,3 quilómetros de lonxitude e 2,5 metros de ancho para uso de ciclistas non deportivos e peóns que discorrerá paralela á estrada autonómica: pola marxe dereita, desde o punto quilométrico 7+200 ao 8+553; e pola marxe esquerda, desde o punto 9+820 ao 9+910.

CAMBIOS

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achega a estas obras un investimento global superior aos 508.000 euros, tras incorporar ao proxecto varias achegas. Así, se prevé a diferenciación do pavimento en función de se a senda percorre terreos máis urbanizados ou máis rústicos e se contempla a ampliación do paso peonil no entorno do punto quilométrico 9+900 para solucionar o estreitamento na beirarrúa existente.

Tal e como lembrou a delegada territorial, outra das melloras incorporadas ao proxecto a proposta do Concello de Mugardos, foi a prolongación dos itinerarios ata entroncar co existente no entorno da glorieta situada no punto quilométrico 8+550 da AC-133, dispoñendo de novos pasos de peóns coa correspondente sinalización.

Tamén se reformará a pendente lonxitudinal da senda á altura do punto quilométrico nun treito de 60 metros, co fin de que teña unha pendente máxima do 6%. Ademais reporase un treito do colector de saneamento na zona de execución dun novo muro.

“Con este novo itinerario a Xunta mellorará a seguridade viaria dos veciños da zona e facilitará o acceso ao complexo acuático do Castro que dá servizo aos concellos de Mugardos e Ares”, puntualizou a delegada territorial durante o percorrido. 

Martina Aneiros destacou que a intervención que se está a executar en Mugardos e que se prevé finalice este verán, forma parte do Plan de sendas de Galicia na comarca de Ferrol co que a Xunta promove a construción de itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe. A execución destas actuacións está cofinanciada con fondos FEDER.