Venres. 26.04.2024

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, avanzou no Pino o investimento de dous millóns de euros para a construción dunha nova depuradora e a mellora do saneamento en varios núcleos da parroquia de Arca. Vázquez Mourelle explicou que se está a avanzar nos trámites administrativos para impulsar esta intervención, froito da colaboración entre Xunta e Concello.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, Ethel Vázquez presentou no Pino as actuacións proxectadas para mellorar o servizo de saneamento e depuración de cinco núcleos de poboación da parroquia de Arca, concretamente O Pedrouzo, A Igrexa, Vilaboa, A Rúa e Santo Antón.

Ethel Vázquez dixo que se construirá unha depuradora con capacidade para tratar as augas residuais dunha poboación de 3.000 habitantes. Así precisou, que 2a depuradora dará servizo a unha poboación fixa de 1.866 habitantes no ano horizonte 2044, pero estará dimensionada e preparada para 3.000 habitantes” xa que, tal e como remarcou, “O Pino é unha zona pola que pasan moitos peregrinos, moito turismo derivado do Camiño de Santiago Francés”.

A depuradora estará dotada de pretratamento (pozo de grosos, aliviadoiro, desbaste de grosos, clasificador de areas e desnatador); tratamento biolóxico; decantación secundaria circular; desinfección mediante UV; e arqueta de toma de mostras. Executarase tamén o novo bombeo, equipado con dúas bombas, e a impulsión, cunha lonxitude de 640 metros, ademais do acondicionamento do colector da marxe do rego do Burgo, con máis de 1.200 metros.

Unha vez executadas estas obras, a depuradora e o novo bombeo, demoleranse as 2 fosas sépticas existentes.