Venres. 26.04.2024

A Deputación da Coruña financia, a través do Plan Único (POS+ 2021), as obras de construción dunha senda peonil no lugar de Carabelos e a mellora de cinco camiños en distintos lugares do municipio de Trazo. As obras supoñen un investimento de preto de 100.000 euros.

A senda executarase na beiravía da calzada que vai de Berreo á Cuca ao seu paso polo lugar de Carabelos. Terá un ancho de 1,8 metros, unha lonxitude de 300 metros e crearase un bordo. Na zona fronte as vivendas respectarase a superficie de formigón existente para usala como aparcamento, deixando unha zona axardinada entre a senda e o peche dos domicilios.  A actuación contribuirá a mellorar a seguridade das veciñanza nos seus desprazamentos a pé na zona.

Por outra banda, as obras do Plan Único  inclúen a pavimentación e mellora cinco camiños municipais en diferentes parroquias do municipio de Trazo: na Castiñeira (Castelo), na Torre (Castelo), en Vixou de Abaixo (Xavestre), en Rial (Chaián) e na Devesiña (Chaián).