Venres. 26.04.2024

O Concello de Narón  iniciou as obras do proxecto de mellora de accesibilidade e reforma da rúa Marcial Calvo, en Xuvia. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, desprazáronse á zona para ver o avance das obras, que suporán un investimento de 119.589 euros. “A actuación en marcha entre a zona do paseo de Xuvia e a rúa Foro, cambiará totalmente o deseño deste vial, que pasará a ter un único sentido de circulación na zona de conexión coa estrada de Castela, beirarrúas máis anchas e donde se suprimirán as rampas e desniveis que dificultaban o paso a persoas con mobilidade reducida”, explicou Ferreiro.

Operarios da empresa adxudicataria traballan na demolición das beirarrúas existentes e na execución das novas, cun ancho que garanta os actuais criterios de accesibilidade para a utilización de espazos públicos urbáns. “A maiores, tamén se aproveitará a actuación para instalar canalizacións soterradas de alumeado e renovar as redes de abastecemento e pluviais”, apuntou a rexedora local.

Á demolición das beirarrúas existentes sumarase a sinalización das zonas de estacionamento –a ambos marxes da calzada e con dúas prazas para persoas con mobilidade reducida- o pintado das liñas externas do vial de circulación e a plantación de varias árbores distribuídas a ambas marxes. Así mesmo, procederase a recolocar os sumideiros e a pintar catro pasos de peatóns, un deles ubicado na parte superior do vial, no cruce coa rúa Foro, para dar continuidade ao itinerario peatonal.

“Este proxecto materialízase sobre un vial de titularidade pública na súa maior parte, xa que se localizaban dúas franxas ao final de propiedade privada sobre as que tivemos que tramitar cos titulares das mesmas a súa cesión, aos que agradezo a boa dispoñibilidade”, subliñou Ferreiro.

A alcaldesa indicou que a previsión é que a finais deste mes estean rematados os traballos “que nos permiten seguir avanzando na mellora da accesibilidade no termo municipal, internvencións nas que continuaremos incidindo para facer un Narón cada día máis inclusivo”.

Avanzan as obras de accesibilidade na zona do Alto do Castiñeiro, cunha intervención que neste caso permitirá regular a aliñación na estrada de Castela, concretamente á altura dos números 278-286. A alcaldesa, Marián Ferreiro, explicou que se trata dunha actuación realizada tras chegar a un acordo cos titulares da parcela afectada e enmarcada no plan de investimentos do actual exercicio. “A proximidade ao centro de saúde urxía esta intervención, que se acomete nun treito duns trinta metros de beirarrúa na marxe dereita da calzada, donde se estreitecía a beirarrúa dificultando o tránsito peonil pola zona”, indicou.

A rexedora local apuntou que a materialización dos traballos permitirá que a beirarrúa pase de 2,80 a 6 metros de ancho e incidiu na importancia de acometelos pola proximidade tanto do centro de saúde, o que incrementa o tránsito peonil pola zona, como dunha parada de autobús. Ao tempo que se amplía o ancho da beirarrúa tamén se procederá a pechar o acceso á parcela afectada, restablecéndoo de igual xeito ao que se atopaba con anterioridade. A maiores, explicou, tamén se inclúe a nova canalización para soterrado da liña eléctrica dende a esquina do edificio ata o poste de acometida do vial do centro de saúde, a reforma e posta a cota das tapas, recolocación de sinais de tráfico e puntos de alumeado, entre outras intervencións contempladas no proxecto.