Martes. 29.11.2022

A Corporación da Baña aprobou definitivamente o orzamento municipal de 2022 no pleno ordinario celebrado en setembro, no que tamén se creou un grupo de non adscritos, ao que se incorpora a concelleira Mónica González Blanco, que abandonou o grupo socialista. Na sesión tamén se aprobou por unanimidade a nova composición das comisións informativas e o plan de infraestrutura rural que acometerá a Consellería de Medio Rural.

Co voto favorable de todos os concelleiros entra en vigor definitivamente o orzamento municipal para o presente exercicio, o primeiro que aproba a Corporación dende 2017. Tamén por unanimidade modifícase a composición das comisións informativas de asuntos do Pleno e a comisión de contas, que pasan a estar integradas por 2 concelleiros do grupo popular, un de Compromiso A Baña, un do grupo socialista e a concelleira Mónica González Blanco, que dende onte pasa a formar parte do grupo de non adscritos, tras presentar a súa renuncia como integrante do grupo socialista.

PLAN INFRAESTRUTURAS RURAL

O plan de infraestrutura rural contará cunha inversión de 44.998 euros, que vai executar a Consellería do Medio Rural para mellorar camiños rurais en A Lagoa (parroquia da Baña) e outros. O Pleno aprobou onte poñer a disposición da Consellería os terreos necesarios libres de cargas e os permisos para poder realizar estas obras.

REFORMA DO CPI SAN VICENTE

No capítulo de rogos e preguntas, e entre outros asuntos, tanto José Antonio Pereira (PSdeG) como Mónica González (non adscrita) interesáronse polo proxecto de reforma do CPI San Vicente e polo funcionamento do transporte escolar.

O alcalde, Andrés García Cardeso, explicou que arquitectas da Consellería de Educación estiveron os últimos meses tomando medicións para acometer unha reforma integral no colexio público, para mellorar a eficiencia enerxética do centro. O proxecto e as obras serán realizadas polo Goberno galego.

TRANSPORTE ESCOLAR

Respecto do transporte escolar, García Cardeso explicou que despois dos problemas de retrasos no transporte escolar e de manter unha reunión coa Consellería de Educación, a dirección do centro, a ANPA e Monbus (empresa adxudicataria) este semana entraron en funcionamento as novas rutas de transporte e, polo momento, estanse a cumprir os horarios. “Dende o Concello seguiremos a disposición da comunidade educativa para que Monbús cumpra os horarios e o alumnado chegue a tempo ás clases”.


 

comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade