Venres. 26.04.2024

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña amosouse moi crítico co executivo provincial, despois de que o equipo de goberno liderado por Valentín González Formoso “sacase peito pola celeridade no pago das axudas destinadas aos negocios de hostalería que se inclúen no Plan Reactiva 2”.

Os populares cargaron contra o Goberno provincial ao que acusan de ter “completamente abandonados aos negocios que resultaron beneficiados do primeiro plan posto en marcha pola Deputación da Coruña”.

“Aplaudimos que o executivo provincial tomase nota das peticións que levamos tempo reclamando dende o noso grupo maioritario. Somos os primeiros que urximos a este goberno a que pague canto antes unhas axudas que son vitais para a supervivencia do tecido económico da provincia”, subliñou o viceportavoz popular Evaristo Ben.

Ao mesmo tempo, os populares tamén insistiron para que a Deputación “actúe coa mesma dilixencia na tramitación e o pago das axudas do primeiro plan. Non ten sentido que uns negocios cobrasen nuns días e que aqueles que levan meses esperando aínda non recibisen os seus pagos”, critico Ben, que cualificou de “esperpéntica e errática a política posta en marcha polo executivo provincial”.