Venres. 26.04.2024

Xa hai máis dunha semana que rematou o período de festas de Melide, e os veciños e veciñas do concello aínda non poden acudir aos espazos públicos ao aire libre xa que, segundo explica a voceira do Partido Popular, Dalia García, “os parques e zonas deportivas municipais seguen inutilizables e sen limpar”. García precisou que “os nenos e nenas de Melide non poden desfrutar da súa derradeira semana de vacacións facendo deporte porque o parque do multiusos non ten instaladas nin as canastas nin as porterías, do mesmo xeito que os aparellos de ximnasia estática pensados para os máis maiores”.

Ante a “gravidade” desta situación, os populares reclaman “o restablecemento inmediato” para a cidadanía destes espazos e “que se garantan as medidas de seguridade e salubridade dos mesmos, se instale novo mobiliario polo danado, e que se limpen os espazos como é debido”. García lamenta que os melidenses teñan que padecer a “inactividade” dun bipartito “no que semella que os seus principais representantes, o alcalde e o seu socio necesario, seguen de vacacións, e que en vez de adicarse a Melide, adícanse a todo tipo de cousas”.

Asemade, os populares tamén instan ao goberno bipartito de Pérez e Prado, ante "a mala imaxe" de Melide polos seus solares cheos de maleza, “que asuma dunha vez as súas competencias e deixe de culpar aos demais. Quen goberna é o que debe tomar as decisións e aplicalas, así o fixemos nós cando tocou, non se pode pretender levar un concello escorrendo o vulto a diario, é unha imaxe de cobardía tremenda”, sentenciou a voceira do PP de Melide.