Venres. 26.04.2024

O Partido Popular de Arzúa enviou unha queixa á Valedora do Pobo pola situación de “exclusión da oposición na participación das actividades da emisora municipal”.

Rafael Rivadulla, voceiro dos populares explicou que “cando está preto de cumprirse dous anos das últimas eleccións locais, o Grupo Municipal do Partido Popular de Arzúa eleva unha queixa á Valedora do Pobo pola exclusión dos grupos da oposición na emisora local neste mandato do bipartito AxA – PSdeG”. Reclaman que a Valedora do Pobo medie co Concello de Arzúa para que “este acate o Regulamento Interno da emisora municipal e convoque o Consello de Administración da radio, onde participan os distintos partidos da Corporación local”.

Denuncian os populares que “o goberno municipal contesta sempre con evasivas e escusas varias para xustificar a exclusión da oposición nas actividades da emisora local”.

Rivadulla explica que “o goberno local incumpre co Regulamento Interno da emisora, que ten monopolizada, silenciando á oposición, deixando en evidencia o interese do alcalde en empregar a Radio Arzúa en beneficio propio, pensando nas vindeiras eleccións locais”.

O grupo municipal popular advirte que “é no Consello de Administración onde se debate e se informa da programación, actuacións e contas anuais, entre outras cuestións, a oposición é descoñecedora da situación da radio ao non estar constituído nin convocado trimestralmente”.