Venres. 26.04.2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, e da directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu a entrega dun millar de títulos de propiedade da concentración parcelaria de Maceda-Orois, no concello coruñés de Melide, dando así por rematado este proceso que supuxo un investimento por parte da Xunta de 2,2 millóns de euros.

Esta parcelaria comprende unha superficie de algo máis de 1.000 hectáreas e beneficia a 436 propietarios, que viron como a superficie media das súas parcelas se duplicaba. Así, salientou o conselleiro, pasouse de 2.636 parcelas iniciais a 1.004 fincas resultantes, o que conlevou tamén un aumento da base territorial das explotacións da zona e, por tanto, unha diminución nos seus custos de produción.

Neste senso, o titular de Medio Rural destacou a importancia destes procesos, que se converten nunha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na comunidade galega, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Ademais, o conselleiro insistiu en que se segue traballando arreo para finalizar os 96 procesos que a día de hoxe permanecen abertos, cun orzamento para tal fin que supera os 12 millóns de euros só neste ano 2021.