Venres. 26.04.2024

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao director do Centro de Excelencia del Sector Naval (Cesena), Javier Fernández, visitou as instalacións situadas na sede do CIS Tecnoloxía e Deseño, dependente da Xunta de Galicia.

Un centro cuxa posta en funcionamento “é un exemplo do compromiso que a Administración autonómica ten coa comarca a través do Pacto de Estado por Ferrol”, indicou Martina Aneiros, quen tamén reivindicou o seu papel como primeiro centro tecnolóxico de Galicia, especializado no sector naval.

Durante a visita, a delegada territorial insistiu en que estas instalacións serán unha referencia para o futuro Perte da industria naval e defendeu a idoneidade de Ferrolterra como a súa localización estratéxica. “A Xunta está comprometida con esta industria como se demostra coa Estratexia do Naval que estamos a perfilar para todo o sector”, lembrou, “pero é fundamental a cooperación entre estaleiros e aproveitar o ecosistema científico e tecnolóxico para avanzar na dixitalización e na innovación”.