Sábado. 18.05.2024

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, presentou as liñas xerais dunha campaña electoral que definiu como “a campaña da Galicia que funciona” e na que os populares prometen “implicación máxima” para acadar a primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda e que “Galicia siga sendo o mellor lugar para vivir, investir e formar unha familia”

20240129_RpPPrado02
Paula Prado no acto desta mañá

A 20 días para o 18 de febreiro, desde o partido queren presentar así unha campaña que “servirá de resumo para o gran traballo realizado nesta lexislatura”, na que o PPdeG “demostrou que está preparado para seguir liderando o futuro de Galicia”. Unha idea que Paula Prado sintetizou coa seguinte afirmación: “Galicia non parou e non vai parar”.

A secretaria xeral recordou que esta mesma fin de semana deron a coñecer o Programa de Goberno 2024-2028, con 870 medidas “para seguir facendo de Galicia o mellor lugar para vivir, investir e formar unha familia”. Un documento “ilusionante” e “realista” que ademais “conta co aval dos compromisos cumpridos”.

A CAMPAÑA DA GALICIA QUE FUNCIONA

Paula Prado asegurou que Alfonso Rueda é “o mellor capitán” para o equipo que protagonizará esta campaña electoral e que estará conformado por un total de 93 candidatos e candidatas “que estarán por todo o territorio trasladando as nosas propostas de futuro acompañados por alcaldes, parlamentarios e un longo número de afiliados e simpatizantes”.

Serán 15 días nos que o PPdeG pedirá aos galegos e galegas que revaliden a súa confianza no partido e no presidente Rueda. “Ao igual que nós revalidaremos a confianza en todos os galegos e galegas, sen os que a nosa terra nun funcionaría”, engadiu a secretaria xeral.

Anunciou que “Alfonso Rueda estará tanto nas 7 cidades, que visitará ata en tres ocasións, como nas vilas ou en concellos máis pequenos que tamén representan a esencia do PPdeG”.

A campaña dará comezo na noite deste próximo xoves, no que o líder dos populares galegos participará na tradicional pegada de carteis en Santiago de Compostela, e, a partir de aí, “o seu día a día serán quilómetros, ilusión e ganas de dicir que o plan do PPdG é o mellor para os galegos e galegas”.