Luns. 29.04.2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o Concello de Curtis para coñecer de primeira man os resultados do investimento da administración autonómica no municipio durante o pasado ano 2023. Máis en detalle, a Xunta adicou 149.000 euros a través de distintas liñas de axudas de apoio a administracións locais para a mellora da vía desde Castro de Ares ata Oza-Cesuras, de equipamento integral para oficina municipal e da compra de maquinaria de mantemento.

Durante a visita, Natalia Prieto percorreu un treito da vía mellorada a través da Orde de infraestruturas de uso público cun investimento de 50.000 euros. Con esta actuación, deuse resposta a unha solicitude conxunta dos Concellos de Curtis e Oza-Cesuras, xa que a calzada conecta ambos os concellos. Dita achega permitiu ampliar o ancho, crear novas cunetas, renovar o firme e pintar a sinalización horizontal co obxectivo de garantir a seguridade viaria.

A continuación, a directora xeral achegouse á oficina municipal, na que se instalou diverso mobiliario e equipamento, ademais de tarima no solo co correspondente illamento. Ademais, tamén se habilitaron dous novos despachos. Ao igual que a anterior, a actuación enmarcouse na Orde de infraestruturas de uso público, cunha achega da Xunta de 36.000 euros. Este investimento pretendía mellorar o confort dunhas instalacións que albergan diferentes espazos e áreas de atención á cidadanía.

A maiores, Natalia Prieto puido comprobar a maquinaria adquirida a través do Fondo de Compensación Ambiental e do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local. Por unha banda, un vehículo destinado á protección e conservación do ambiente e do medio natural e, por outra, dúas trituradoras e un perforador para a limpeza e mantemento de gabias e zonas verdes. Neste caso, o investimento do Goberno galego foi de 34.000 e 29.000 euros, respectivamente.

As actuacións e adquisicións comprobadas na visita representan o conxunto de iniciativas executadas o pasado ano polo Concello de Curtis coas axudas específicas de apoio ao eido local da Xunta de Galicia. Xunto coas de anos anteriores, o investimento do Goberno galego nas melloras en infraestruturas e servizos municipais nesta localidade supera os 2 millóns euros.