Domingo. 05.05.2024

O Concello de San Sadurniño rematou o proxecto de asfaltado de 2,3 quilómetros de pistas nas parroquias de Igrexafeita, Ferreira e San Sadurniño, cun investimento de 57.233 euros; e comezou as obras de arranxo de 3,2 quilómetros en cinco pistas máis nos lugares do Monte, o Pousadoiro, Racamonde de Abaixo, Lourido e Solposto, orzamentadas en 72.508,03 euros. En total, trátase dun investimento de 129.741,03 euros na mellora das infraestruturas viarias municipais, costeadas con cargo ao POS+ 2023.

En todos os casos procedeuse primeiro á limpeza en profundidade das gabias e tubos para garantir a correcta drenaxe e evitar filtracións no subsolo por mor da mala evacuación das escorreduras, ampliando así a durabilidade do firme. O seguinte paso é o varrido do antigo pavimento, o tapado de fendas e buratos e a aplicación dun dobre tratamento alternando regas asfálticas e saburra compactada. A maiores, intentarase aportar a todas as pista un ancho medio de entre 3,25 e 3,5 metros.

As actuacións que comezaron nos  lugares do Monte, o Pousadoiro, Racamonde de Abaixo, Lourido e Solposto coincidiron co remate das obras nas parroquias de Ferreira, San Sadurniño e Igrexafeita. Neste caso, estendeuse un novo pavimento asfáltico nos 300 metros da pista do Chao, 775 na do Vilar e 300 metros do acceso principal a Orxás. Xa que logo, só queda pendente o arranxo de 1.230 metros da pista do Pico, en Ferreira, adiada ata que finalice unha corta forestal na zona.