Sábado. 27.04.2024

A Asociación de Empresarios da Terra de Melide lanza a nova campaña para dinamizar o comercio local da vila, a Semana das Cores, unha iniciativa que busca animar á veciñanza e visitantes a saír a descubrir e mercar nos establecementos de proximidade.

Esta actividade durará tres semanas e cada unha terá asignada unhas das cores do logotipo de ASETEM – CCA. A primeira semana será a laranxa –do 6 ao 12 de xuño-, logo a semana branca –dende o 13 e ata o 19- e, por último a semana verde –do 20 ao 26-. Durante a semana laranxa a clientela recibirá con cada compra unha caixa da sorte, haberá caixas que só conteñan lambetadas e outras que estean premiadas cun vale de compra de 20 euros para gastar no comercio local antes do 26 de xuño.

A semana branca xirará arredor da noite aberta, que se vai celebrar o venres 17 en horario de tarde, durante ese día as tendas permanecerán abertas ata as 23:00 horas e terán grandes descontos e promocións para que a clientela aproveite a realizar as súas mercas para este verán. Co tícket das compras desa tarde realizarase un sorteo presencial a partir das 23:00 horas no que se sortearán 5 vales de 100 euros para mercar nos establecementos de proximidade. Durante o sorteo contaremos coa actuación do grupo melidense Leirabuxo e a cantante Tania Veiras, a maiores, pola tarde haberá un obradoiro infantil e un pasa rúas a cargo da agrupación de gaitas Maruxeira para animar á xente a saír á rúa e mercar.

Para rematar, chegará a semana verde na que cada tícket cun importe igual ou superior a 50 euros poderase cambiar por unha degustación de xeados artesanais o luns 27 en Borboriño Xeados ou de chocolates o martes 28 na Churrería O Burato.

As Semanas das Cores é unha nova iniciativa organizada por ASETEM – CCA para impulsar as vendas no comercio local de Melide e cofinanciada pola Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comercio.