Venres. 26.04.2024

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou a colaboración entre o Goberno de España e a Deputación da Coruña para favorecer a mobilidade sostible e o uso da bicicleta como medio alternativo de transporte na provincia. O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico achegará 7,2 millóns de euros á Deputación Provincial para a execución do “Plan Director de Movilidad Ciclista”, un plan que consta de tres actuacións, divididas en once proxectos, que mellorarán a comunicación alternativa en 19 concellos, cun marcado compoñente rural.

Nun acto celebrado na Delegación do Goberno, Javier Losada e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, debullaron os detalles das tres actuacións subvencionadas, que supoñerán un investimento total de máis de 9 millóns de euros, unha vez sumada a achega da Deputación.

ALGÚNS PROXECTOS

O primeiro deles é a Vía Verde (2,3 millóns total // 1,8 millóns de subvención do Goberno de España). Transformará nunha senda peonil e ciclista o antigo trazado do tren entre Santiago de Compostela e Cerceda, conectando os concellos de Oroso, Ordes, Cerceda e Tordoia.

O segundo é a senda ciclista ZEC Abegondo-Cecebre (2,2 millóns total // 1,7 millóns de subvención do Goberno de España). Trátase da ampliación do actual carril bici metropolitano (que acaba no encoro de Cecebre) ata os concellos de Bergondo, Abegondo, Carral e Betanzos a través de 29,8 quilómetros de nova senda ciclista.

O terceiro proxecto é o acceso aos faros da provincia da Coruña (4,5 millóns total // 3,6 millóns de subvención do Goberno de España). Na provincia hai 26 faros en funcionamento, cun alto valor patrimonial, ambiental e cultural. O obxectivo desta rede de camiños é conecta estes edificios a través de senllas peonís e ciclistas coas súas poboacións máis próximas. É ademais unha forma de fomentar o uso turístico sostible destes espazos.

Estes proxectos benefícianse das axudas a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono e que xestiona o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía ( IDAE), do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

O Goberno achega á Deputación 7,2 millóns ¨Plan Director de Movilidad Ciclista”